domingo, 9 de novembro de 2014

Sendeiro do río Eifonso


Datos técnicos

Lonxitude: 11.96 kms
Tipo: Circular
Sinalizado e non sinalizado
Altitude máx: 578 ms
Tempo: 3 h 44 min.
Saida e chegada desde a estrada de Bembrive que vai de Bembrive a Beade, no barrio de Mourelle pertencente á parroquia de Bembrive (Vigo).
M.I.D.E.: 9 (1 severidade, 2 orientación, 2 dificultade, 3 Esforzo)
Podedes ver e descargar a ruta en Wikiloc.

Comentarios

Andaina lonxitudinal que nos fixemos circular porque alongamos o sendeiro do río Eifonso e fomos ata o parque forestal de Beade mais que nada para que non se nos fixera moi curta a andaina. O sendeiro do río Eifonso é un sendeiro lonxitudinal de pequeno percorrido (PR-G 5) que vai desde Mourelle ata a aldea da Fraga. Son 4,2 kms só ida, se facedes ida e volta contade que é polo mesmo camiño, non hai camiño pola outra beira do río. Está perfectamente sinalizado e os dous primeiros kms (que para o meu gusto son os mellores desta ruta) son ideais para facer con nenos.

Cartel indicativo do sendeiro
Muiños de auga restaurados, pontellas, fervenzas e flora e fauna de ribeira son algúns dos alicientes que nos imos atopar nesta senda. E agora en outono nin vos conto, co río cheo de auga e o cambio de cores nas árbores é un lugar que debería visitarse. Eu douvos varias opcións. Primeiro a que fixemos nós ata o parque forestal de Beade (ida e volta) son case 12 kms e levounos unhas 3 horas e 45 minutos ( no tempo que nos levan as nosas andainas hai que sacarlle a hora que estamos parados sacando fotos mais a parada que facemos para o avituallamento) así que se pode facer en menos tempo. hai que dicir que desde que se sae de Bembrive ata o parque e Beade é todo subida. os dous primeiros kms, nin te enteras e case chá, e hai un pequeno repeito xusto antes de chegar a San Cibrán. Xa desde San Cibrán ata o parque é cando hai mais repeito na senda, unha subida continua pero que tampouco é excesivamente dura. Tamén podedes facela lonxitudinal e deixades uns coches en Bembrive e outros no parque forestal de Beade, tamén sería unha boa opción serián entón uns 6 kms.

Pontella sobre o río Eifonso
Outra opción sería facer a senda ata o km 2 que é onde se atopa a fervenza de Bouzafría e volta para atrás (total 4 kms). Esta opción é válida se ides con nenos pequenos ou sodes moi vagos. Eu penso que como mínimo para disfrutar esta senda senón a queredes facer ata a aldea da Fraga hai que facela ata San Cibrán que son 2.5 kms (só ida), que se pode facer perfectamente ida e volta, e senón queredes facela ida e volta tamén permie que deixedes un coche no inicio e outro na capela de San Cibrán.

Un dos moitos cogumelos que atopamos polo camiño
Bueno eu vou facer o comentario da ruta que fixemos nos. O inicio desta ruta se atopa na estrada que vai desde a parroquia de Bembrive ata a parroquia de Beade, ambas de Vigo. para chegar a Bembrive hai que coller a autovía Vigo-Porriño, xusto cando saimos do Alcampo da Av de Madrid a uns 300 metros hai un desvío á dereita que nos indica Bembrive. Pasamos polo centro de Bembrive que é a estrada que vai ata Beade e a 1 km (non sei se chegará a 1 km) pasando unha curva pechada á dereita, no outro carril, están os carteis indicativos da senda. Na estrada non imos poder deixar o coche, só hai un pequeno sitio no outro carril, pegado aos carteis onde caben 3 coches como moito. Según conta Gerardo Sacau, no seu libro "Vigo nalgún dos seus topónimos, xa se ten constancia do topónimo no ano 915 co gallo da concesión á Igrexa de Lugo da freguesía de Benevívere (que se pode traducir como ben vivir). Benevivere acabou transformándose en Bembrive. Eifonso é un topónimo procedente dun propietario medieval. Este nome persoal e de orixe xermánica foi utilizado na Alta Idade Media coa forma latina Adefonsus da que procede o topónimo Eifonso que ven sendo unha variante fonética de Afonso.

Inicio da ruta
No inicio atopamos como vos dixen un par de carteis que nos informan da senda, das súas características e do que nos imos atopar. Subimos unha pequena rampa cunha barandilla de madeira e partires de ahí seguimos unha senda amplia e ben sinalizada. A uns 200 metros de comenzar a andaina xa nos atopamos co primeiro muiño: o muiño de Sorrego (restaurado). Nesta primeira parte da ruta imos atoparnos con varios muiños de auga uns restaurados e outros non dos que xa hai constancia na zona desde 1528.

O muiño de Sorrego
A uns 800 metros nos atopamos cun cartel indicativo da flora que nos imos atopar: amieiras, bidueiras, salgueiros, carballos e castiñeiros. Isto na zona de río porque pasada aldea de Fraga indo xa cara ao parque forestal de Beade xa abundan os piñeiros e eucaliptos ainda que segue habendo un montón de castiñeiros.


A 1,2 kms nos atopamos cunha das estampas mais fermosas da ruta: o muiño da Pedrosa (tamén restaurado). A foto que encabeza esta crónica foi sacada alí.

O muiño da Pedrosa
E aos 2 kms, despois de subir unhas escaleiras e pasar por un pequeno lavadoiro,chegamos ao punto mais chamativo da senda que é o conxunto formado polos muiños do buraco e o buraquiño e a fervenza de Bouzafría cunha caída de 4 metros e que, nesta época do ano, vén cargadiña de auga.

Fervenza de Bouzafría
A 500 metros da fervenza e despois dun pequeno repeito chegamos ata a Capela de San Cibrán ou dos Ramallos. A edificación actual da capela data dos anos 60 pero a orixa desta capela remóntase á Idade Media. A capela está rodeada por unha carballeira e preto se atopa a Fonte da Capela ou dos Ramallos que foi remodelada no ano 1989 e da que sae unha auga fresquísima. Nesta zona faise en setembro a romaría dos ramallos e a festa da sidra. Por certo, que con sidra desa festa brindamos na última andaina que fixemos co grupo Baidesendas no Monte Tetón en decembro do ano pasado.

Capela dos Ramallos
O camiño continua a carón da fonte e ata o parque forestal de Beade xa vai ser todo nunha ascensión continua. A 300 metros pasamos pola ponte da autoestrada e uns metros mais adiante se atopano muiño do calderón ou da Quebrada (do ano 1756) e o serradoiro hidráulico (ano 1860). Ambos están en ruina, en moi mal estado de conservación e cheos de vexetación que case impide velos.

Fonte da Capela
Seguimos andando e subindo ata que chegamos ao panel indicativo da aldea da Fraga. Hai nos cruzamos cunha pista forestal ancha que aparece sinalizada como GR-53. Curiosamente o cartel fala da aldea pero logo non hai ningún ndicativo de como chegar a ela. Unha vez chegados á pista forestal hai que coller á esquerda e a poucos metros hai un camino estreito á dereita que nos leva ata as ruinas da aldea.

Muiño da Quebrada (en ruinas)
Nós non collimos á esquerda, seguimos pola dereita continuando uns metros polo GR-53.1 e a uns metros collemos unha pista forestal a man esquerda. A partires de aquí e ata o parque forestal e todo subida por pistas forestais que se cruzan unhas con outras polo que fai falta GPS xa que están sen sinalizar, así chegamos despois de varios cruces volver a enlazar co GR53 que nos leva directamente ao parque forestal de Beade. Alí nos tomamos un descansiño contemplando a paisaxe coa panorámica visión que temos da ría de Vigo, que podería ser mellor se non estiveran uns pinos que prantaron xusto diante.

Panorámica desde o parque forestal de Beade
Voltamos por outras pistas forestais ata chegar a aldea da Fraga. As casas da Fraga atópanse en ruinas e cubertas pola vexetación. Son en total 6 edificios que, no seu moneto, albergaron a varias familias que vivían da agricultura e dos muiños. a primeira noticia que se ten deste poboado é do ano 1528. Cabe destacar a situación estratéxica do poboado encravado nunha encrucillada de antigos camiños medievais, sendo posiblemente recinto castrexo na súa orixe. Por alí transitaron as tropas locais en defensa dos invasores portugueses (en 1665), e franceses (en 1808), así como peregrinos a Compostela, ademais dos traballadores das de encauzamento das primeiras augas públicas de Vigo.


Casas da aldea da Fraga (en ruinas)
Así chegamos ata o panel indicativo da aldea da Fraga y de ahí volta polo sendeiro do río ata ao comenzo, agora iso sí, costa abaixo.

Senda do río Eifonso
Podedes ollar todas as fotos deste sendeiro pinchando neste enlace.

1 comentario: